Non podemos deter o vento… pero podemos construír muiños

Traballamos para garantir a igualdade e a convivencia entre persoas con diversas orixes nacionais ou culturais.  Facémolo desde a reivindicación, a proximidade e o afecto por todas as identidades.

Queremos promover unha conciencia crítica que cuestione as causas da pobreza e da desigualdade, as asimétricas relacións entre países e o actual funcionamento de gobernos e organismos internacionais.

O noso compromiso quere  contribuír á construción dun novo modelo social baseado na interculturalidade e a xustiza por medio tanto da intervención directa co colectivo inmigrante –os novos galegos e galegas- como da sensibilización sobre a importancia da diversidade, do respecto e o diálogo entre culturas como contribución á cohesión social.

Gostarianos ver consolidados nos próximos anos tanto os proxectos da nosa tenda solidaria (Yarama África) como os nosos servizos de apoio á plena participación socio-laboral e educativa de menores de orixe inmigrante e as súas familias. Agardamos que Viraventos e a súa sede social sexan coñecidos como espazo de convivencia entre colectivos e organizacións de inmigrantes e autóctonas para o que imos promover a comunicación e as relacións de familiaridade entre as poboacións de acollida e inmigrante mediante iniciativas interculturais e servizos de conciliación.

Os nosos proxectos queren ser tamén unha vía de participación e inclusión para persoas socialmente vulnerables.

Paralelamente, o proxecto da tenda Yarama África pretende dar visibilidade á diversidade cultural, facilitar o abastecemento e a identidade da poboación de orixe inmigrante e contribuír ao financiamento dos proxectos da organización.

Viraventos pertence á Coordinadora Galega de ONGDs e ao Foro Galego da Inmigración

Seleccionada no Programa Máis Social 2015 da Fundación Barrié

Inscrita no Rexistro de Asociacións (Ministerio do Interior) co número 603859

Inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento Sección A nº A-190

Inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia co número RUEPSS E-2216

Contamos coa colaboración habitual de 15 persoas voluntarias, estudantes en prácticas, e con máis de 5000 seguidores/as nas redes sociais.