As persoas primeiro

Coordi. as persoas primeiro DDHH vs TTIP

Existe algunha diferencia entre escapar da guerra, a violencia ou a pobreza? Entre fuxir da represión, a morte ou a fame? Dende principios de ano, 470.000 persoas cruzaron o Mediterráneo cara a Europa: 2.800 atópanse desaparecidas ou morreron durante a travesía. Na maioría dos casos son persoas que foxen de conflitos armados (o principal, a guerra de Siria) para sobrevivir ás balas. Tamén escapan por motivos políticos, como é o caso da ditadura en Eritrea. E hai quen, directamente, busca deixar atrás a pobreza. Existe unha liña moi difusa entre a migración por motivos políticos e o exilio económico, pero todas as variables que impulsan ao desprazamento xorden das desigualdades. Hoxe, 85 persoas acumulan tantos recursos como 3.570 millóns de seres humanos en situación de pobreza, a maioría mulleres e nenas. Este brutal desequilibrio ten causas políticas que nada teñen que ver con procesos “naturais”. No centro do furacán: o neoliberalismo global obedecendo aos intereses políticos e económicos dun número limitado de Estados, multinacionais e entidades financeiras. Un sistema depredador que promove os paraísos fiscais, as guerras e os espolios para o control dos recursos, os intercambios comerciais inxustos e a permanente violación dos dereitos humanos. Ante esta realidade, a sociedade civil galega esiximos que os gobernos sitúen os dereitos das persoas por riba dos supostos dereitos dos mercados: en Galicia e no resto do planeta. Os dereitos humanos son universais. Para garantir que todas as persoas acaden o pleno exercicio dos mesmos, os gobernos,deben cumprir as súas obrigas dentro e fóra das súas fronteiras. Os dereitos humanos, son ademais, civís e políticos, pero tamén económicos, socias, culturais, laborais, mediombientais e de xénero; polo que as desigualdades sociais son incompatibles cos dereitos humanos.

Por iso, ESIXIMOS:

O CUMPRIMENTO DOS DEREITOS HUMANOS DAS PERSOAS MIGRANTES:

 Unha resposta baseada na garantía de dereitos para as 60 millóns de persoas que se viron obrigadas a fuxir dos seus fogares como consecuencia dos conflitos, a persecución e as violacións de dereitos humanos. Primeiro esiximos que os que os representantes políticos dos Estados tomen medidas para solucionar en orixe os conflitos que provocan o exilio e o sufrimento de tantas persoas. Tamén que se de cumprimento aos convenios internacionais e as directivas e regulamentos europeos en materia de asilo e refuxio. Por outra banda que as administracións asuman que son elas as responsables de garantir os dereitos das persoas desprazadas e promover a súa autonomía.

 O fin das políticas migratorias e de estranxería represivas que atentan contra os dereitos das persoas. Con ela, o peche de todos os Centros de Internamento para Persoas Estranxeiras (CIE), centros de retención onde se vulneran de forma sistemática os dos dereitos humanos.

POLÍTICAS SOCIAIS PÚBLICAS DE CALIDADE PARA GARANTIR OS DEREITOS HUMANOS:

 Máis orzamentos para Educación, Sanidade, Igualdade, Dependencia, Servizos Sociais, Cooperación e políticas de promoción do emprego para loitar contra a pobreza e a desigualdade. Non máis recortes nin privatizacións.

 Dedicar o 0,7% da RNB do estado a Axuda Oficial ao Desenvolvemento. Tamén os gobernos autonómicos e locais deben destinar orzamentos suficientes a esta política pública. A cooperación ten que seguir sendo a política social que promova a dignidade e o benestar das persoas que no mundo sofren as consecuencias da pobreza e as desigualdades.

 Modelos produtivos e económicos baseados na ética e a xustiza social no que o traballo decente e dignamente remunerado sexa a base. Tamén políticas de apoio á economía solidaria. Instamos aos nosos gobernos a dar exemplo a través das cláusulas sociais de contratación e da compra pública responsable.

POLÍTICAS COHERENTES COA XUSTIZA SOCIAL GLOBAL:

 Compromisos firmes co desenvolvemento da axenda de Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Estes dezasete obxectivos acordados en Nacións Unidas marcarán a axenda internacional dos próximos 15 anos e os retos a abordar ata 2030 para conseguir un mundo menos desigual e xusto. Pedimos coherencia e transparencia na aplicación destes obxectivos: os gobernos deben cumprir as súas obrigas cos Dereitos Humanos dentro e fóra das súas fronteiras. E reivindicamos que se garanta a participación activa de la sociedade civil en todos os procesos que comprometen a nosa vida e a das xeracións futuras.

 Unha fiscalidade xusta e equitativa. Os sistemas fiscais equitativos son unha das ferramentas máis poderosas para afrontar as desigualdades dentro de cada país.

 A paralización do Tratado Transatlántico de Inversións entre Estados Unidos e a Unión Europea (TTIP), un tratado opaco e contrario aos principios dun Estado de Dereito.

 A erradicación dos paraísos fiscais, a loita contra o fluxo ilícito de capitais e a redución da desregulación desmedida dos mercados.

 Que Europa e o Estado español cumpran as prohibicións internacionais e deixen de vender armas aos países en conflito

 Esiximos que os principios reitores de Nacións Unidas sobre Empresas e Dereitos Humanos se convertan en obrigatorios.

 Respecto ao Medio Ambiente e aos Bens Comúns do planeta. A terra atópase no seu límite, non podemos seguir alimentando o consumo desmedido de recursos. Necesitamos garantir a soberanía alimentaria dos pobos e impulsar o Comercio Xusto.

Manifesto suscrito pola Coordinadora galega de ONGDs na Semana de loita contra a pobreza e as desigualdades

17 de outubro de 2015