A ledicia de atopar traballo

Home / Novas / A ledicia de atopar traballo
A ledicia de atopar traballo

M.M. traballa desde o verán nun céntrico restaurante coruñés. Chegou a Viraventos hai seis meses solicitando apoio para mellorar a súa situación. Viñera en 2012 desde Senegal a Galicia, onde xa vivía o seu home, e aquí naceu o seu único fillo.

Aos seus 25 anos andaba a procura de traballo e fixera xa un curso de formación como auxiliar de cociña para completar os seus estudos profesionais e de bacharelato no seu país de orixe. Viraventos incluíuna no programa de orientación sociolaboral, prestándolle asesoramento, orientación e formación en habilidades de busca de emprego. Nestes meses facilitouse a súa incorporación a cursos de competencias clave en idiomas e cálculo e á obtención dos certificados de profesionalidade. En xullo, chegou a oferta de traballo.

Como M.M., moitas mulleres inmigrantes pasan por Viraventos na procura de orientación. O noso obxectivo é acompañar o seu esforzo para facilitarlles o acceso á formación e ao mundo laboral. Non é doado, dada a precariedade existente, pero a nosa teima é darlles instrumentos que melloren as súas capacidades e expectativas, comezando por propiciar as súas actividades de inserción sociolaboral atendendo os seus fillos e fillas no noso servizo de apoio á conciliación.

Se queres información sobre estas actividades de Viraventos chámanos ao 881 889 460 ou visítanos na Coruña, rúa Mosteiro de Caaveiro nº4, baixo.

Esta actuación está subvencionada pola Dirección Xeral de Inclusión da Xunta de Galicia a través da Orde do 2 de xuño de 2015 de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actividades de servizos sociais comunitarios e inclusión social (DOG núm.108 do 10/06/2015), enmarcada dentro do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.

logo Xunta politica social

logo FSE_inclusión

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies