A inauguración da tenda intercultural de Viraventos foi un éxito. Moitos amigos e amigas acompañáronnos o 11 de setembro para apoiar este novo proxecto que pretende facer máis presente África en Galicia e contribuír á educación intercultural.
Que podes atopar en Yarama África?
Compras útiles para diversas necesidades e para a promoción de proxectos de xustiza social
• Alimentación: produtos frescos e conxelados, legumes, especias e condimentos, doces, bebidas…
• Librería: contos educativos, ensaios e literatura africana…
• Xoguetes didácticos: bonecos e monecas representativos de distintas procedencias, xogos de educación en valores…
• Téxtil: wax (teas africanas), camisetas, bolsas de algodón…
• Artesanía: artigos de ornamentación, bisutería, complementos…
• Cosmética e produtos especiais para pel e pelo afro.
Programación cultural e actividades
YARAMA ÁFRICA é tamén un centro de iniciativas culturais, un lugar de diálogo e encontro para descubrir, rachando estereotipos, a orixinalidade e a beleza dun continente inxustamente asociado en exclusiva coa pobreza e o conflito. A programación cultural incluirá, entre outras iniciativas, debates; proxeccións de filmes e documentais; ou obradoiros de artesanía, música e literatura.
YARAMA ÁFRICA está no barrio coruñés do Agra do Orzán, na rúa Entrepenas 10, Baixo, a un paso da Praza das Conchiñas.