Unha tenda intercultural

Home / Novas / Unha tenda intercultural
Unha tenda intercultural

yarama-logo-4 pequenaA ONG Viraventos abre o 11 de setembro, na rúa Entrepenas 10, YARAMA ÁFRICA, un establemento especializado na venda de produtos procedentes de África e artigos de educación intercultural, dirixidos non só a diáspora africana senon tamén a todas as persoas interesadas polas culturas e tradicións dese continente.

En palabras dos seus promotores, a iniciativa quere ser “un escaparate da diversidade cultural e unha referencia obrigada para atopar en Galicia cousas imprescindibles que se botan de menos: unha crema para o pelo crespo, produtos naturais como o karité, un conto que educa nos valores da interculturalidade…”.

YARAMA ÁFRICA non é un comercio convencional. A recadación das vendas destinarase a apoiar os proxectos de Viraventos, unha ONG creada en Galicia no ano 2007 para traballar por un novo modelo social baseado na interculturalidade e a xustiza, por medio tanto da intervención directa co colectivo inmigrante –os novos galegos e galegas- como da sensibilización da poboación sobre a importancia do coñecemento, do respecto e do diálogo entre culturas para contribuir á igualdade e a cohesión social.

YARAMA ÁFRICA ofrecerá unha ampla variedade de produtos: café Touba, salsa para Maffe, marmelada de Bissap, legumes, doces, especias e condimentos, entre os de alimentación; contos educativos, ensaios e literatura africana; bonecos, monecas e xoguetes didácticos; wax (teas africanas), camisetas e bolsas de algodón; artesanía, bisutería e complementos; produtos especiais para pel e pelo afro, karité e outros produtos orgánicos de cosmética.

Programación cultural e actividades
YARAMA ÁFRICA será tamén un centro de iniciativas culturais, un lugar de diálogo e encontro para descubrir, rachando estereotipos, a orixinalidade e a beleza dun continente inxustamente asociado en exclusiva coa pobreza e o conflito. A programación cultural contempla para os próximos meses debates, proxeccións de filmes e documentais e obradoiros de artesanía, música ou literatura.

Yarama África está na rúa Entrepenas 10, a un paso da Praza das Conchiñas, no barrio coruñés da Agra do Orzán.

Tenda. Entrada

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR
Aviso de cookies