Viñeta de J. Morgan

O pasado 6 de febreiro, un grupo de persoas subsaharianas intentaron entrar en Ceuta tanto por terra coma por mar. Para evitar que conseguisen entrar en territorio español a nado, a Garda Civil lanzoulles pelotas de goma, feito que según varios dos afectados fixo que se picasen os flotadores que levaban así como lles golpearon nos seus corpos, e cuia consecuencia foi que 15 personas falecesen afogadas (número que pode aumentar, posto que continúa activa a busca de máis posibles vítimas). Este feito está sendo investigado por Bruxelas, que ameaza a España con abrirlle un expediente por esta traxedia.

¿Cal foi o delito destas persoas? ¿Querer ter unha mellor calidade de vida? ¿Loitar polas súas familias? Ultimamente esquecémonos de que España, e particularmente Galicia, foron territorios de emigración, onde tivemos que marchar a outros países para atopar mellores condicións de vida, feito que na actualidade e debido ó contexto de crise económica estase a repetir, xogando unha dobre moral pola cal vemos ben que as  nosas persoas achegadas teñan que marchar pero non aceptamos que outras persoas veñan ó noso país.

Varias ONG especializadas en inmigración da zona pediron unha comisión internacional para investigar os abusos na fronteira de Ceuta, algo que apoiamos dende aquí. É o momento de esixir que se saiba a verdade sobre este feito tan escalofriante, onde persoas inocentes perderon a  súa vida, así como responsabilidades politicas.

Dende Viraventos condeamos e condearemos este tipo de traxedias, nas que a xente falece simplemente por tratar de buscar un futuro mellor para si mesmos e para as súas familias, como tantas veces fixemos as galegas e galegos.