Esforzos e cambios para mellorar Viraventos

Rematamos un ano intenso no que quixemos impulsar Viraventos. Fixémolo coa axuda de institucións e entidades e asumindo riscos e sacrificios. Contamos agora cun novo local onde prestar os nosos servizos con maior calidade e puxemos en marcha Yarama África, unha tenda intercultural para dar protagonismo ás culturas inmigrantes.

Paralelamente, o equipo directivo realizou un proceso de reflexión sobre os obxectivos da entidade, algo imprescindible cando estamos ás portas de cumprir, en 2017, os dez anos de existencia. Fíxose tendo presente as opinións de amigos e amigas, de xente que ten utilizado os nosos servizos e, especialmente, das persoas voluntarias que co seu traballo fan posible a existencia de Viraventos. Para eles e elas vai o noso primeiro recoñecemento.

Queremos deixar constancia tamén do agradecemento ás entidades e institucións que contribuíron a que hoxe poidamos contar co proxecto de centro intercultural e xogoteca no local de Mosteiro de Caaveiro nº4: a Deputación da Coruña e a Fundación Roviralta, nunha primeira fase. COREN, Cafés Candelas ou o proxecto Impulsa con posterioridade. Foinos especialmente valioso para todo o proceso o apoio e financiamento da Fundación Barrié e o seu Programa Máis Social 2015.

Acabado con éxito o plan de traballo que puxemos en marcha hai un ano esforzarémonos agora por mellorar as nosas actuacións: aspiramos a que Viraventos sexa recoñecida polo seu compromiso coa promoción da interculturalidade e a integración social, mediante a consolidación dos proxectos da súa tenda solidaria (Yarama África) e dos servizos de apoio á plena participación laboral, social e educativa de menores de orixe inmigrante e as súas familias.

Malia as apariencias, reiniciamos o camiño con dificultades. O emprendemento social que impulsamos con Yarama África implicou para a directiva asumir o risco de solicitar un crédito para financiar o proxecto. Por outra banda, a situación económica, delicada no curto prazo, implica tamén o sacrificio dos nosos traballadores e traballadoras.

Agardamos que, pasados uns meses, poidamos estar novamente a pleno rendemento. Para iso precisaremos, coma sempre, da solidariedade, o talento e mesmo o apoio económico de xente coma ti, que les con simpatía estas liñas dunha pequena ONG que traballa, dacordo á súa misión, “para garantir a igualdade e a convivencia entre persoas con diversas orixes nacionais ou culturais”.

Para saber máis do novo Viraventos: https://viraventos.org/gl/conocenos-2

Para saber dos nosos servizos: https://viraventos.org/gl/2016/03/que-podes-atopar-en-viraventos

Para apoiarnos económicamente: https://viraventos.org/gl/compromiso