O Agra do Orzán contará dende setembro cunha nova tenda moi especial. A ONG Viraventos abre na rúa Entrepeñas 10 da Coruña un establemento intercultural especializado na venda de produtos procedentes de África (alimentación, aseo e coidado, artesanía e complementos) así como artigos de educación intercultural, dirixidos non só a diáspora africana senón tamén a todas as persoas interesadas polas culturas e tradicións dese continente. Para presumir de sabores e culturas YARAMA ÁFRICA quere ser un escaparate da diversidade cultural e unha referencia
obrigada para atopar cousas imprescindibles que se botan de menos: unha crema para o pelo crespo, un café, un conto que educa nos valores da interculturalidade… YARAMA ÁFRICA será tamén un centro de iniciativas culturais, un lugar de diálogo e encontro onde descubrir a orixinalidade e a beleza dun continente asociado habitualmente coa pobreza e o conflito, e onde compartir e coñecer estas outras culturas que xa enriquecen a realidade galega.