A ONG Viraventos abre o 11 de setembro, na rúa Entrepenas 10, YARAMA ÁFRICA, un establemento especializado na venda de produtos procedentes de África e artigos de educación intercultural, dirixidos non só a diáspora africana senon tamén a todas as persoas interesadas polas culturas e tradicións dese continente.
En palabras dos seus promotores, a iniciativa quere ser “un escaparate da diversidade cultural e unha referencia obrigada para atopar en Galicia cousas imprescindibles que se botan de menos: unha crema para o pelo crespo, produtos naturais como o karité, un conto que educa nos valores da interculturalidade…”.
YARAMA ÁFRICA non é un comercio convencional. A recadación das vendas destinarase a apoiar os proxectos de Viraventos, unha ONG creada en Galicia no ano 2007 para traballar por un novo modelo social baseado na interculturalidade e a xustiza, por medio tanto da intervención directa co colectivo inmigrante –os novos galegos e galegas- como da sensibilización da poboación sobre a importancia do coñecemento, do respecto e do diálogo entre culturas para contribuir á igualdade e a cohesión social.
YARAMA ÁFRICA ofrecerá unha ampla variedade de produtos: café Touba, salsa para Maffe, marmelada de Bissap, legumes, doces, especias e condimentos, entre os de alimentación; contos educativos, ensaios e literatura africana; bonecos, monecas e xoguetes didácticos; wax (teas africanas), camisetas e bolsas de algodón; artesanía, bisutería e complementos; produtos especiais para pel e pelo afro, karité e outros produtos orgánicos de cosmética.
Programación cultural e actividades
YARAMA ÁFRICA será tamén un centro de iniciativas culturais, un lugar de diálogo e encontro para descubrir, rachando estereotipos, a orixinalidade e a beleza dun continente inxustamente asociado en exclusiva coa pobreza e o conflito. A programación cultural contempla para os próximos meses debates, proxeccións de filmes e documentais e obradoiros de artesanía, música ou literatura.
Yarama África está na rúa Entrepenas 10, a un paso da Praza das Conchiñas, no barrio coruñés da Agra do Orzán.