Traballamos no futuro de Viraventos

Levamos varios meses traballando en como mellorar Viraventos. Imos cara os dez anos de vida -cumprímolos en 2017- e vimos chegado o momento de consolidar este proxecto que naceu para acoller e facilitar o futuro das persoas inmigrantes que chegan para vivir e traballar onde nós. Desde a pasada primavera, formámonos e debatimos sobre a estratexia da organización, e no verán fixemos reunións co noso voluntariado e con amigos e amigas que algunha vez requiriron os servizos de Viraventos, recibindo con interese as súas opinións e suxerencias.

Fixemos un esforzo por ampliar e mellorar as relacións institucionais e conseguimos -con axuda de entidades, empresas e institucións, e máis dun sacrificio- poñer en marcha dous vellos proxectos: a tenda intercultural Yarama África e un novo local onde, ademais de prestar con maior calidade os nosos servizos para a promoción da igualdade e a inclusión social, poidamos albergar actividades para todas as persoas que apreciamos a convivencia e o diálogo entre culturas.

Xa case rematamos o proceso e, en breve, contarémosvos as nosas ideas e plans de futuro para ver que vos parecen. Xa vos adiantamos que, coma sempre, imos precisar de todo o voso interese e apoio para sacar adiante este proxecto.

Contamos con vós!