Proxecto de mediación intercultural comunitaria para persoas inmigrantes en situación ou risco de exclusión social, residentes na Coruña ou na súa área metropolitana.
O novo Proxecto Mediación Intercultural Comunitaria vaise desenvolver principalmente en 3 barrios da cidade da Coruña (Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia) con presenza significativa de diversidade cultural, provinte tanto da migración internacional como de procesos de migración interna, e con presenza de minorías (inmigradas) ou autóctonas (pobo xitano etc.).
A actuación despregarase prioritariamente a través de tres alicerces básicos de intervención: o ámbito socioeducativo, o ámbito da saúde comunitaria e o ámbito das relacións cidadás, e sempre coa colaboración da administración pública local.
O proxecto ten carácter preventivo e as actuacións vanse dirixir especialmente ao traballo coas familias, e en colaboración cos profesionais que desenvolven o seu traballo coas mesmas.
Esta actuación está subvencionada a través da Orde do 26 de abril de 2016 de subvencións a entidades de iniciativa social para a promoción de actuacións de servizos sociais comunitarios e inclusión social para os anos 2018 e 2020 (DOG núm.86 do 06/05/2016), enmarcada dentro do Programa Operativo do FSE Galicia 2014-2020, no seu obxectivo 9 “Promover a inclusión social e loitar contra a pobreza e calquera forma de discriminación”.
