O racismo é un dos principais motivos que se oculta detrás dos “delitos de odio” rexistrados en España, e en Galicia tamén. Así parece extremadamente necesario dirixir responsablemente esta nova realidade social para defender os dereitos humanos, promocionar a diversidade, o diálogo intercultural e a loita contra a discriminación.
Este ano estamos a traballar co proxecto May Yaw (Eu son ti), que pretende dirixir a educación antirracista á mocidade. Este sector é especialmente importante xa que, a pesar de que supón traballar en contra do ambiente predominante, as características deste colectivo facilitan, en maior medida que coa poboación máis adulta, o traballo dirixido a conseguir non só a aceptación das persoas con diferente cultura senón o establecemento dunhas relacións positivas. As experiencias na adolescencia e primeiros anos da vida adulta teñen unha poderosa influencia nos entendementos culturais e poden contribuír a un entendemento e apreciación da diversidade de por vida.
Grazas a este proxecto, financiado pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e pola Deputación da Coruña, achegámonos no mes de decembro ao CPI Dr. López Suárez de Friol e ao IES Fernando Esquío de Neda. Falamos con rapazas e rapaces de 12 a 16 anos, sobre os prexuizos que todos e todas temos sobre África, sobre a súa invisibilización na historia e as consecuencias que ten hoxe en día, sobre o racismo, o colorismo,… e mil e un tema máis que foron xurdindo na conversa con Silvia, ou como é máis coñecida nas redes sociais Afropoderossa, que dirixiu fantásticamente os obradoiros. Prometemos volver!