Galegas coma ti, a exposición contra a discriminación racial coa que Viraventos quere promover na sociedade galega unha actitude de acollida e respecto pola diversidade, inicia unha nova xeira por rúas e cidades galegas. O sete de novembro instalarase na Praza Maior de Lugo onde permanecerá ata o día 19. Posteriormente visitará os concellos de Arteixo, Carballo e Teo. A ONG quere contribuír á comprensión do fenómeno migratorio e divulgar a idea de que a tolerancia e a defensa dos dereitos que asisten a todas as persoas son consustanciais á democracia e requiren os maiores esforzos da sociedade. Para as responsábeis da entidade “a inmigración non pode considerarse como un fenómeno temporal. Os fillos e fillas das persoas inmigrantes xa non son inmigrantes: son unha nova xeración de galegos e galegas que manteñen aspectos culturais comúns e outros diferenciados, que deben poder exercer con total liberdade”.
A mostra consta duns módulos expositivos que combinan textos sobre a igualdade de dereitos das persoas migrantes con fotografías nas que aparecen inmigrantes xunto a persoas galegas de relevancia pública no ámbito cultural. “Galegas coma ti”, organizada co apoio da Deputación da Coruña e Gadis, con fotografías de Xurxo Lobato e deseño de Xosé Díaz, participan o escritor Manolo Rivas, o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso, a gaiteira Susana Seivane, as actrices Isabel Risco e Lucía Regueiro, a xornalista Fernanda Tabarés, o cineasta e cantante Antón Reixa e o presidente do Deportivo, Tino Fernández. Senegal, Rumanía, Marrocos, Cuba e Bolivia son os paises de procedencia da poboación inmigrante representada. A exposición xa percorreu no primeiro semestre prazas e rúas da Coruña, Ames, Oleiros e Cambre.
Viraventos naceu en 2007 para dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia porque, afirman: “cremos na igualdade entre persoas e culturas. Tras case dez anos de experiencia queremos consolidar proxectos de convivencia e intercambio cultural entre galegos e galegas de aqui e de acolá, para axudar a construír o futuro dun País enriquecido pola súa diversidade”.
Lugo, praza Maior, do 7 ao 19 de novembro.
Arteixo, Avenida dos Bosques, do 19 ao 28 de novembro.
Carballo, praza do Concello, rúa A Coruña, 28 de novembro a 12 de decembro.
Teo, estrada N550, 12 a 19 de decembro.