Que podes atopar en Viraventos?

Que podes atopar en Viraventos?

Viraventos naceu para dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia, porque cremos na igualdade entre persoas e culturas. Tras case dez anos de experiencia queremos consolidar proxectos de convivencia e intercambio cultural entre galegos e galegas de aqui e de acolá, para axudar a construír o futuro dun País enriquecido pola súa diversidade.

Que servizos prestamos?

Servizo de acollida, orientación e información social: 2568 persoas acollidas desde 2007

Servizo de apoio á inclusión sociolaboral: Proxectos individualizados de inclusión e busca de emprego; acompañamento; accións de capacitación persoal e social.

Servizo de apoio escolar: Clases, seguemento e orientación pedagóxica para menores de 6 a 12 anos de orixe inmigrante (aula de apoio en horario extraescolar).
Mediación escolar e familiar, Orientación laboral e acompañamento social ás súas familias.

Xogoteca

Viraventos ofrece ás familias un servizo de apoio á conciliación para facilitar actividades formativas ou de busca de emprego. O servizo préstase por profesionais con titulación en educación infantil, entre luns e sábados, no espazo lúdico infantil-xogoteca disponible na sede de Viraventos. Aténdese preferentemente a persoas participantes en cursos de formación ou en itinerarios de inserción sociolaboral, tanto de Viraventos como doutras entidades ou servizos sociais. O servizo inclúe un período de adaptación, actividades de coidado, atención e lecer de nenos e nenas de ata 8 anos, axudas na alimentación, aseo ou hixiene e acompañamento fóra do fogar de ser necesario.

Participación e educación intercultural

Actuacións de promoción da diversidade cultural e loita contra o racismo; Talleres  e actividades extraescolares para nenos e nenas; Formación e Grupos de intercambio cultural: conversación idiomas, música, cociña, folclore,…; Coloquios e proxeccións audiovisuais; Campaña galegos e galegas coma ti; Voluntariado; Publicacións.

Viraventos pertence á Coordinadora Galega de ONGDs e ao Foro Galego da Inmigración e está inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia e no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento.

Contamos coa colaboración habitual de voluntariado, estudantes en prácticas, e con máis de 5000 persoas seguidoras nas redes sociais.

Ti tamén podes acompañar e apoiar o noso proxecto. Co teu tempo, o teu diñeiro ou o teu talento. Anímate!

Escríbenos a: https://viraventos.org/gl/contacta