O 20 de setembro viaxamos a Bruselas cunha delegación galega, impulsada polo BNG, formada por distintos representantes de colectivos sociais e sindicais que loitan en Galicia contra a pobreza e a precariedade.
Mantivemos unha xuntanza cos responsables de Emprego e Asuntos Sociais do executivo comunitario na que puxemos enriba da mesa o profundamente inxustas, cortoplacistas e electoralistas que son as novas políticas europeas anti-inmigración. Explicamos que dende o noso punto de vista, o endurecemento da política migratoria só vai lograr aumentar a irregularidade, a economía mergullada, a segregación e o risco de exclusión social. Un panorama cando menos preocupante, sobre todo, pensando nas dificultades que iso pode entrañar a medio prazo para as novas xeracións.
Ademáis, non quixemos deixar pasar a oportunidade de expoñerlles algunhas liñas de actuación coas que deberían comezar a traballar dende xa:
1) Introducir maior flexibilidade e facilidades para a renovación dos permisos de residencia por parte de inmigrantes en desemprego
2) Simplificar os requisitos e axilizar os procedementos de homologación de títulos formativos
3) Facilitar e incentivar a participación do/as inmigrantes nos programas de formación para o emprego, eliminando barreiras de acceso, como a esixencia de titulación de secundaria.
4) Eliminar as barreiras ao retorno aos seus países de orixe, permitindo a re-entrada en España.
5) Desenvolver a lexislación anti-discriminación e incorporar esta cuestión, así como a xestión da diversidade, dentro do ámbito da negociación colectiva e o diálogo social.