Galegas coma ti

Viraventos leva ás rúas da Coruña unha exposición contra a discriminación racial para promover na sociedade galega unha actitude de acollida e respecto pola diversidade, fundamentada na comprensión do fenómeno migratorio. A ONG quere divulgar a idea de que a tolerancia e a defensa dos dereitos que asisten a todas as persoas son consustanciais á democracia e requiren os maiores esforzos da sociedade. Para as responsábeis da entidade «a inmigración non pode considerarse como un fenómeno temporal. Os fillos e fillas das persoas inmigrantes xa non son inmigrantes: son unha nova xeración de galegos e galegas que manteñen aspectos culturais comúns e outros diferenciados, que deben poder exercer con total liberdade».

Nos meses de marzo e abril instalaranse en prazas céntricas da Coruña e outros concellos da provincia uns módulos expositivos que combinan textos sobre a igualdade de dereitos das persoas migrantes con fotografías nas que aparecen inmigrantes xunto a persoas galegas de relevancia pública no ámbito cultural. Na mostra «Galegas coma ti», organizada co apoio da Deputación da Coruña e Gadis, con fotografías de Xurxo Lobato e deseño de Xosé Díaz, participan o escritor Manolo Rivas, o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso, a gaiteira Susana Seivane, as actrices Isabel Risco e Lucía Regueiro, a xornalista Fernanda Tabarés, o cineasta e cantante Antón Reixa e o presidente do Deportivo, Tino Fernández. Senegal, Rumanía, Marrocos, Cuba e Bolivia son os paises de procedencia da poboación inmigrante representada.

Viraventos naceu en 2007 para dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia porque, afirman: «cremos na igualdade entre persoas e culturas. Tras case dez anos de experiencia queremos consolidar proxectos de convivencia e intercambio cultural entre galegos e galegas de aqui e de acolá, para axudar a construír o futuro dun País enriquecido pola súa diversidade».

Itinerario da exposición:

12 a 19 de marzo. Praza de Lugo. A Coruña

19 de marzo, 12h. Encontro intercultural na praza das Conchiñas. Acompáñanos! faite unha foto no teu panel preferido e compártea nas redes sociais.

Expo Lucía e Rivas

19 a 23 de marzo. Praza das Conchiñas. A Coruña

23 de marzo a 4 de abril. Praza Esther Pita. Santa Cruz. Oleiros

4 a 10 de abril. Praza Manuel Murguía do Milladoiro (Ames).

11 a 17 de abril. Praza da Maía (Bertamiráns, Ames).