A Facultade de Socioloxía da Universidade de A Coruña acolleu os días 8 e 9 de outubro de 2014 o Congreso “Xestión positiva da diversidade relixiosa na educación. Novos retos sociais e culturais“ co obxectivo de proporcionar aos profesionais dos centros educativos galegos un espazo de coñecemento das diferentes minorías relixiosas con máis presencia en Galicia así como unha oportunidade para o intercambio de modelos, prácticas e ferramentas enfocadas cara unha educación intercultural e interrelixiosa. Organizado pola ONGD Viraventos en colaboración coa Universidade da Coruña e financiado polo Ministerio de Asuntos Exteriores e Cooperación, o Congreso reuniu representantes de institucións do sector público estatal, como a Fundación Pluralismo y Convivencia (Ministerio de Xustiza); de centros educativos, como o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo e de diferentes confesións relixiosas (musulmáns, evanxélicos e budistas) con responsables da Consellería de Educación e investigadores/as e expertos do ámbito da diversidade para debatir sobre diversos temas de actualidade como a laicidade da escola pública ou a presenza de símbolos relixiosos, entre outros. Para os organizadores <<a presenza de alumnado que profesa distintas relixións é un fenómeno cada vez máis común nos centros educativos galegos. Se ben é certo que a inmigración aumentou o pluralismo relixioso, hoxe éste é xa un fenómeno propio e non pode considerarse un elemento temporal, polo que é unha cuestión prioritaria unha adecuada xestión desta diversidade>>. En moitas ocasións, os centros e comunidades escolares perciben a diversidade cultural e relixiosa como un problema. O Congreso quixo poñer de manifesto como <<o descoñecemento acerca doutras culturas e relixións, así como os prexuizos e estereotipos negativos que existen sobre unhas e outras, condicionan as relacións entre profesorado e alumnado, entre alumnos/as e coas familias vulnerando, ás veces, o dereito á liberdade de crenzas ou forma de vida do/a menor>>. Coincidindo coa celebración do Congreso, Viraventos presentou a páxina web www.diversidadcultural.es para difundir recursos pedagóxicos e ferramentas didácticas para o traballo na aula, así como investigacións, publicacións e novidades respecto a xestión da diversidade cultural e relixiosa.