Viraventos acolleu o 28 de maio un encontro entre mulleres galegas, africanas e aimaras para intercambiar experiencias de traballo a prol dos dereitos das mulleres. Recollendo a proposta do colectivo coruñés Acçom Rabuda xuntámonos para escoitar a Julieta Paredes e Adriana Guzmán contar a súa experiencia de feminismo comunitario en Bolivia.
Canda a evidencia da necesidade de loitar en todas partes polos dereitos das mulleres, salientou a súa énfase na descolonización das mentes animando a cada pobo a buscar a súa propia experiencia, lonxe da imitación ou asunción mecánica de modelos alleos, algo que, na súa opinión, aconteceu tamén inicialmente nos pobos andinos con respecto ao feminismo europeo e norteamericano. Julieta e Adriana referiron a experiencia de discusión do proceso constituinte boliviano, proceso no que, entre outras cousas, se incorporaron conceptos que poñen en valor o traballo das mulleres na esfera “privada” (coidado, crianza,…) para permitir devolver esa riqueza ata agora non contabilizada ás súas lexítimas posuidoras.