Dirixido a mulleres con algún fillo ou filla de ata seis anos de idade, o Servizo MamáCanguro pretende dar cobertura ás súas necesidades de formación, busca ou mellora de emprego coidando dos seus nenos e nenas no propio domicilio durante o tempo que as nais adican a esas ocupacións coa intención de modificar unha situación de precariedade socioeconómica. Mamácanguro funcionou experimentalmente no último trimestre de 2014 e agarda ter continuidade con novas iniciativas dirixidas a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.
Viraventos, responsable do servizo, enmárcao nas súas actuacións enfocadas a combater as consecuencias da crise económica, dando apoio ás persoas de calquer nacionalidade que pasan por todo tipo de dificultades por culpa da perda ou a carencia de emprego e outro tipo de circunstancias persoais. MamáCanguro pensouse específicamente para as nais que deben compaxinar con dificultade a crianza dos seus cativos cos esforzos para se formar ou realizar actividades encamiñadas a mellorar a súa situación. O servizo, coordinado por un psicólogo, é atendido por profesionais cualificadas e con experiencia en educación infantil e conta co financiamento do Fondo Social Europeo e da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.
Viraventos considera o MamáCanguro un servizo complementario doutros recursos sociais existentes no concello da Coruña e a súa área metropolitana e procurou a colaboración dos servizos sociais públicos e das diferentes entidades que imparten formación ou traballan na inclusión social de colectivos desfavorecidos para difundir a existencia e posibilidades do novo servizo.