O Foro Galego de Inmigración, xunto coa Asociación Sen Papeis de A Coruña en relación co acoso ao que está a someter a Policía Local de A Coruña ao colectivo de persoas migrantes nixerianas residentes na cidade, particularmente aos vendedores ambulantes, mantivo onte mércores día 12 de xuño unha xuntanza, con representantes municipais do BNG e EU no Concello de A Coruña, na que participaron tamén compañeiros do propio colectivo afectado.
Nesas xuntanzas, Peter, a persoa directamente agredida a semana pasada relatou os seguintes feitos:
“O xoves día 6 de xuño, pola tarde atopabase preto do Centro Comercial Marineda City vendendo caramelos na rúa, e cando se dirixía a recoller a axuda/pago que lle quería facer unha señora foi retido por unha persoa, que lle colleu polo ombro e identificouse como policía. Esta persoa vestida de paisano, insistíulle en collerlle o macuto no que levaba a mercancía que levaba, tratandono de forma violenta. Colleulle a documentación e finalmente “requisoulle” a mercancía.
O venres día 7 de xuño, pola mañá atopábase no mesmo lugar cun novo macuto e nova mercancía, que lle prestaron a conta. Achegouse un coche da policía local, e o mesmo policía do día anterior, xa uniformado con outros compañeiros dirixiuse cara a él de novo con intención de collerlle o macuto coa mercancía, Peter agarrouse ao mesmo e veuse forozado a tumbarse no chan onde foi golpeado polo grupo de policías en varias ocasións. Mesmo algunha persoa achegouse para gravar a agresión, pero a propia policía impediullo. Ten Peter en todo caso o contacto dunha persoa disposta a testificar o que víu ese día. Despois duns minutos, e de novo despois de que lle quitaran a mercancía e colleranlle a súa documentación ( é unha persoa residente legal en A Coruña dende hai varios anos con muller e fillos) foi trasladado esposado ata a Comisaria da Policia Nacional, da que non puido saír ata ás 5 da tarde.”
Ten por suposto parte médico, da mesma tarde do venres 7 de xuño, no que constan as lesións producidas. Tamén un avogado proporcionado pola propia Asociación de Nixerianos de A Coruña ocuparase das acción legais oportunas.
Dende o Foro Galego de Inmigración e a Asociación Sen Papeis de A Coruña queremos salientar os seguintes feitos, que configuran como absolutamente impresentable a agresión descrita polo protagonista:
1.- O uso continuado da violencia e a desproporción dos medios empregados.
2.- A requisa de mercancía de forma arbitraria e sin que se realice/entregue documento algún a persoa afectada, no que conste o tipo de mercancía e a cantidade incautada e onde a pode recuperar despois de abonar a correspondente multa.
3.- Non hai intención de cubrir y entregar ao afectado o papel que recolle a sanción administrativa (multa), que en todo caso sería a única acción contraria a normativa municipal imputable a Peter.
4.- Existe unha evidente desigualdade de trato, que nos chamamos polo seu nome: racismo, entre o que recibe Peter, e o que recibimos outros cidadáns por parte da policía local cando nos saltamos un semáforo en vermello (infracción administrativa equivalente a que tería cometido en todo caso Peter). Non parece tampouco que a acción de Peter xustifique o seu traslado á Comisaria de Policia e moito menos que fora esposado.
5.- Chama a atención que un policía local de paisano (para empregar policía de paisano –secreta-, o Concello precisa unha autorización especial da Subdelegación de Goberno, xustificada pola especifidade das accións a desenvolver) sexa utilizado para controlar unha actividade como a venda ambulante nos semáforos, que non parece supoñer un risco tan grave para a cidadanía de A Coruña como para utilizar este recurso extraordinario.
E concluímos:
1.- Seguimos reclamando que a intervención con estas persoas e colectivos debe realizarse dende o ámbito dos servizos de benestar social. Nesa liña imos participar nunha xuntanza con responsables desta área municipal, xunto con responsables de seguridade cidadá a vindeira semana, para tentar buscar unha alternativa ao acoso policial actual. Xuntanza á que fomos convocados, sen dúbida, pola gravidade dos feitos denunciados.
2.- Consideramos que esta actuación inscríbese nunha política de acoso policial contra este colectivo, impulsada polo propio Concello da cidade. Non se pode entender doutra forma a continuidade da persecución e o incremento progresivo das accións violentas, que pretenden amedrentar a estes cidadáns.
3.- A gravidade da agresión que reflicte o relato pormenorizado descrito máis arriba, esixe a intervención directa do Alcalde da cidade, para desculparse pola mesma en primeiro lugar e para informar das medidas que se van tomar para depurar as responsabilidades profesionais e políticas que correspondan.
Recordamos, por último, que na súa maioría este colectivo está composto por residentes, recoñecidos legalmente, que se atopan nunha situación de desemprego e que desenvolven esta actividade de venda ambulante, para conseguir uns recursos mínimos que lles permitan sobrevivir. Pois ben, a Policía Local da cidade ven impoñendo sancións (multas) de 100 Euros que xa contamos por decenas nos últimos meses , ao tempo que lles impiden realizar calquera actividade que lles permita facelas efectivas. A este acoso sumamos o maltrato policial que alomenos temos documentado en dous casos nos últimos meses (outro, tivo lugar o 13 de maio na Rúa Ourense ao lado da Delegación de Goberno).
Para máis información:
Foro Galego de Inmigración: Miguel Fernández (662307019) .
Asociación Sen Papeis de A Coruña: Nicanor (698-137876)
FORO GALEGO DE INMIGRACIÓN Rúa San Roque 6-bis. C.P. 15704 – Santiago de Compostela foroinmigracionsantiago@yahoo.es – 981-576 142