COMUNICADO EN SOLIDARIEDADE COAS MULLERES VITIMAS DE ABUSOS

COMUNICADO EN SOLIDARIEDADE COAS MULLERES VITIMAS DE ABUSOS

Tras as informacións aparecidas nos xornais The Times The Sunday Times ao redor de comportamentos abusivos de traballadores de catro organizacións humanitarias británicas, dende Viraventos  sumámonos ao comunicado da Coordinadora Galega de ONGDs e da Coordinadora para o Desenvolvemento – España:

Expresamos o noso rexeitamento e condena ante calquera caso de abuso e violencia contra as mulleres. É especialmente grave que os abusos e violencias se produciran nun contexto de crise humanitaria, unha situación na que as mulleres –responsables, debido aos mandatos de xénero, do coidado das familias– se atopan nunha posición de especial vulnerabilidade. Tamén resulta moi preocupante que se dese no seo de organizacións que promoven a equidade de xénero e a defensa dos dereitos humanos.

Mostramos a nosa total e absoluta solidariedade coas mulleres vítimas destes abusos. Como organizacións de desenvolvemento, a nosa obrigación é escoitalas e poñer en marcha mecanismos de xustiza e reparación. Sen o respecto dos dereitos das mulleres, non hai desenvolvemento.

Defendemos o labor das organizacións humanitarias e de desenvolvemento. Non pode nin debe xulgarse á cooperación internacional ou unha ONG pola actuación dunhas poucas persoas. Só as entidades membro da Coordinadora de ONGD – España mobilizan ao redor de 5.000 cooperantes e 20.000 persoas voluntarias que traballan en 105 países do mundo.

Lembramos que as organizacións para o desenvolvemento, ademais de estar suxeitas á legalidade vixente e aos convenios internacionais de protección dos dereitos humanos, fóronse dotando de normativa propia como o Código de Conduta relativo ao socorro en casos de desastre para o movemento da Cruz Vermella e da Media Lúa Vermella e as Organizacións Non Gobernamentais, no ámbito da acción humanitaria. Así mesmo aquelas entidades que compoñen a Coordinadora han de cumprir o noso Código de Conduta. No devandito documento deixamos moi claro o noso compromiso coa igualdade de xénero e a loita contra as discriminacións e vulneracións dos dereitos das mulleres. Ademais, a Coordinadora de ONGD – España conta cun órgano independente, composto por profesionais do sector e doutros ámbitos, encargado de vixiar e denunciar prácticas inadecuadas e facilitar recomendacións de mellora constante. No ámbito galego, contamos coa Comisión de Normativa e Código de Conduta.

As organizacións de desenvolvemento, a pesar da nosa vontade transformadora, somos parte de sociedades con trazos patriarcais nas que o machismo continúa presente en comportamentos e actitudes. Levamos anos traballando contra isto, pero aínda nos queda moito por facer. Un só abuso, unha soa persoa das nosas organizacións que aproveite a súa posición de poder para vulnerar os dereitos das mulleres, será sempre intolerable. Non queremos pechar os ollos ante esta posibilidade. Todo o contrario, queremos recoñecer as nosas debilidades e fallos para seguir mellorando e dotándonos de ferramentas que nos permitan detectar rapidamente calquera indicio de abuso e adoptar medidas fronte a iso.

Calquera persoa pode colaborar connosco mediante a denuncia de calquera actitude ou comunicación (publicidade, recursos educativos, campañas de captación de socios, folletos, etc.) dunha ONGD membro da Coordinadora que sexa contraria ao respecto dos dereitos humanos e as normas establecidas no noso Código Conduta. Para iso, só é preciso poñerse en contacto connosco informando do caso. Ou facelo a través da Coordinadora de ONGD – España, que ten habilitado desde hai anos un formulario que pode atoparse na súa páxina web>>>