O Foro Galego de Inmigración convoca unha manifestación na Coruña o 18 de decembro (11.30h) entre o Obelisco e María Pita, na que difundirá o seguinte manifesto:
Nós, cidadás e cidadáns coruñeses provenientes de distintas culturas e países de todos os continentes da Terra, sentimonos agradecidos ca veciñanza da tamen nosa cidade, pola boa acollida que nos dan cada día. Agradecemos tamén ao noso concello a apertura ao diálogo e a colaboración: estamos nunha cidade “libre de CIEs”.
Con todo, hoxe, día mundial das persoas migrantes, temos que mencionar os dereitos de que se nos priva a moitas persoas.
O primeiro dereito é o de vivir na propia terra. Moitos de nós vimos de países cuxa economía é arrasada por empresas multinacionais e a forma de vida tradicional fíxose inviable. Outros e outras, vimos de países que foron considerados por outros como “áreas de interese” e fomentaron a radicalización dos conflitos até producir situacións de guerra ou de inseguridade permanente. Perdemos así o dereito a vivir en nosa propia casa.
Perdemos tamén o dereito a circular libremente. Ao noso paso interpuxéronselle leis, tratados, valos con coitelas, arames espiñentos, exércitos e policías. Como resultado, moitos e moitas tardamos anos en facer unha viaxe que se podería facer en horas. Moitas destas persoas faleceron no camiño, outras chegaron mutiladas, moitas, foron enganadas, violadas e explotadas. Outras morreron afogadas nun mar convertido en muralla e cemiterio de persoas que buscaban unha vida digna.
En moitos casos perdemos o dereito a vivir do noso traballo, a participar na vida política, a recibir asistencia médica gratuíta… a simplemente residir como cidadáns e cidadás e vivir como persoas. Estamos atadas por cordas que se anudan en Madrid e en Bruxelas. E somos expulsadas por un carísimo aparello represivo de acoso policial con redadas racistas, detencións, centros de internamento e deportacións en voos, barcos e por terra.
E tras moitos anos de todo isto, agora vannos a facer un exame para darnos a nacionalidade…. Estamos a esperar que poidan chegar os nosos veciños que están migrando ou solicitando refuxio e están a morrer cada día.
Nós decimos non á guerra e á intervención militar. Esiximos o fin do comercio armamentístico e a reforma das políticas exterior e de veciñanza da UE para contribuír ao desenvolvemento político e económico sustentable nos países de orixe.
Coñecendo que o pobo galego pasou e pasa pola dura experiencia da emigración, sabemos que pode entender mellor o noso chamamento:
Non deas cabida ao fanatismo e a xenofobia, non deas cabida á intolerancia e a discriminación, non nos condenes á exclusión, a sobreexplotación, a escravitude sexual, ao temor… non contribúas á formación de guetos de marxinalidade.
Somos seres humanos e queremos vivir en paz e dar ás nosas fillas e fillos posibilidades de desenvolvemento; queremos axudar ás nosas familias que quedaron nos nosos lugares de orixe. Queremos achegar aquí o noso traballo, o noso talento, a nosa forza, o noso valor, a nosa cultura… Non queremos esquecer os nosos valores, as nosas crenzas, nin a nosa cultura; senón establecer un diálogo de irmandade, en pé de igualdade. Queremos que as nosas crianzas, nacidas aquí, sentanse galegas de pleno dereito e non sexan miradas como diferentes, senón como veciñas da Coruña.
Axúdanos a defender os nosos dereitos: a migrar, a traballar, á saúde e a educación, á seguridade! Construamos entre todos e todas unha sociedade aberta e diversa, onde ningún ser humano sexa ilegal.
Mesma humanidade mesmos dereitos!
Foro Galego de Inmigración. A Coruña