No Diario Oficial de Galicia nº 35, de hoxe 20 de febreiro de 2014, aparecen dúas convocatorias de axudas para persoas emigrantes e para residentes no exterior.  Son as seguintes:

1. Axudas para a realización de viaxes por razóns de interese social, asistencial ou humanitario:

Estas axudas están destinadas a persoas galegas emigrantes e descendentes que vivan fóra e estén en risco de exclusión, para cubrir situacións sobrevidas extraordinarias e de emerxencia social, sanitaria e asistencial, para realizar actuacións urxentes ou as viaxes que supoñan.

Estas axudas requiren das posibles persoas beneficiarias que acrediten ter rendas, ingresos ou patrimonio insuficientes (deles e das persoas que vaian ser atendidas pola persoa que se despraza) e acreditar a situación de emerxencia social, sanitaria ou asistencial.

A axuda máxima que se concederá será de 3000 euros, excepto no caso das viaxes que será un máximo de 1500€.

O prazo máximo de solicitude é ata o 30 de novembro de 2014

Podedes atopar a información completa, incluidos os requisitos concretos precisos para poder solicitalas,  premendo aquí.

2. Axudas asistenciais individuais para persoas galegas no exterior:

Estas axudas son para emigrantes galegas e galegos con nacionalidade española e algúns familiares que vivan no extranxeiro, que estean en precariedade económica. O seu obxecto é cubrir necesidades básicas de subsistencia e atención sociosanitaria.

As axudas son dos seguintes tipos:

– Axudas por atoparse a unidade familiar en situación de precariedade.

– Axudas por situación de dependencia ou enfermidade grave da persoa solicitante.

– Axudas por situación de dependencia ou enfermidade moi grave na familia.

– Axudas por invalidez ou enfermidade permanente.

– Axudas para a cobertura de medicamentos para enfermidades crónicas ou graves cun custo elevado.

– Axudas para as mulleres que sufran violencia de xénero.

– Axudas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

O prazo de presentación é de 40 días naturais a partir do día seguinte o da publicación (ata o 1 de abril de 2014).

Podes atopar a información completa, como a contía exacta de cada axuda, entrando aquí.