Coñécenos
Non podemos deter o vento… pero podemos construír muiños
Traballamos para garantir a igualdade e a convivencia entre persoas con diversas orixes nacionais ou culturais. Facémolo desde a reivindicación, a proximidade e o afecto por todas as identidades.
Queremos promover unha conciencia crítica que cuestione as causas da pobreza e da desigualdade, as asimétricas relacións entre países e o actual funcionamento de gobernos e organismos internacionais.
O noso compromiso quere contribuír á construción dun novo modelo social baseado na interculturalidade e a xustiza por medio tanto da intervención directa co colectivo inmigrante –os novos galegos e galegas- como da sensibilización sobre a importancia da diversidade, do respecto e o diálogo entre culturas como contribución á cohesión social.
Gostarianos ver consolidados nos próximos anos os nosos servizos de apoio á plena participación socio-laboral e educativa de menores de orixe inmigrante e as súas familias.
Agardamos que Viraventos e a súa sede social sexan coñecidos como espazo de convivencia entre colectivos e organizacións de inmigrantes e autóctonas para o que imos promover a comunicación e as relacións de familiaridade entre as poboacións de acollida e inmigrante mediante iniciativas interculturais e servizos de conciliación.
Os nosos proxectos queren ser tamén unha vía de participación e inclusión para persoas socialmente vulnerables.
- Viraventos pertence á Coordinadora Galega de ONGDs, á Plataforma de Oranizacións de Infancia de Galicia, ao Consello de Inclusión Social do Concello da Coruña e ao Foro Galego da Inmigración
- Inscrita no Rexistro de Asociacións (Ministerio do Interior) co número 603859
- Inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento Sección A nº A-190
- Inscrita no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais da Xunta de Galicia co número RUEPSS E-2216
- Contamos coa colaboración habitual de 15 persoas voluntarias, estudantes en prácticas, e con máis de 5000 seguidores/as nas redes sociais.