Galegas coma ti, outra vez na rúa

Galegas coma ti, a exposición contra a discriminación racial coa que Viraventos quere promover na sociedade galega unha actitude de acollida e respecto pola diversidade, inicia unha nova xeira por rúas e cidades galegas. O  sete de novembro instalarase na Praza Maior de Lugo onde permanecerá ata o día 19. Posteriormente visitará os concellos de Arteixo, Carballo e Teo. A ONG quere contribuír á comprensión do fenómeno migratorio e divulgar a idea de que a tolerancia e a defensa dos dereitos que asisten a todas as persoas son consustanciais á democracia e requiren os maiores esforzos da sociedade. Para as responsábeis da entidade “a inmigración non pode considerarse como un fenómeno temporal. Os fillos e fillas das persoas inmigrantes xa non son inmigrantes: son unha nova xeración de galegos e galegas que manteñen aspectos culturais comúns e outros diferenciados, que deben poder exercer con total liberdade”.

A mostra consta duns módulos expositivos que combinan textos sobre a igualdade de dereitos das persoas migrantes con fotografías nas que aparecen inmigrantes xunto a persoas galegas de relevancia pública no ámbito cultural. “Galegas coma ti”, organizada co apoio da Deputación da Coruña e Gadis, con fotografías de Xurxo Lobato e deseño de Xosé Díaz, participan o escritor Manolo Rivas, o presentador da TVG Xosé Ramón Gayoso, a gaiteira Susana Seivane, as actrices Isabel Risco e Lucía Regueiro, a xornalista Fernanda Tabarés, o cineasta e cantante Antón Reixa e o presidente do Deportivo, Tino Fernández. Senegal, Rumanía, Marrocos, Cuba e Bolivia son os paises de procedencia da poboación inmigrante representada. A exposición xa percorreu no primeiro semestre prazas e rúas da Coruña, Ames, Oleiros e Cambre.

Viraventos naceu en 2007 para dar acollida e orientación aos colectivos inmigrantes chegados a Galicia porque, afirman: “cremos na igualdade entre persoas e culturas. Tras case dez anos de experiencia queremos consolidar proxectos de convivencia e intercambio cultural entre galegos e galegas de aqui e de acolá, para axudar a construír o futuro dun País enriquecido pola súa diversidade”.

Lugo, praza Maior, do 7 ao 19 de novembro.

Arteixo, Avenida dos Bosques, do 19 ao 28 de novembro.

Carballo, praza do Concello, rúa A Coruña, 28 de novembro a 12 de decembro.

Teo, estrada N550, 12 a 19 de decembro.

img_20160319_133751214


Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.

ACEPTAR